A Facultade de Filoloxía da USC celebra a súa festividade cun programa de actividades que se estenden do 26 ao 29 de abril.

O programa de eventos inclúe a conmemoración do día do libro e a presentación de distintos proxectos colaborativos que tiveron lugar na Facultade de Filoloxía durante este curso.
Dende o día 26 poderán visitarse varias exposicións no centro. O primeiro andar acolle ata o día 31 de maio a mostra Marginais uma vírgula. Os Malditos sem vírgula Pingentes!, do artista Francisco Rogido, inscrita na sección de exposicións temporais do Programa Contornos da Facultade.
A Sala de Lectura da biblioteca ofrece a posibilidade de ver una exposición dedicada á Revista Serra d’Or, doazón da Área de Filoloxía Catalá á biblioteca da Facultade. No mesmo lugar, as persoas visitantes poderán desfrutar dunha mostra dalgunhas obras de Joan Fuster, ensaísta e poeta, do que se celebra o centenario no ano 2022. Tamén se recordará o poeta Gabriel Ferrater, xa que o seu poema Si puc foi escollido pola Institución das Letras Catalás para celebrar o 21 de marzo o día mundial da Poesía 2022. Por último, ofrecerase unha pequena mostra de libros da cultura gastronómica catalá pertencentes á BUSC e á Área de filoloxía català.
O mércores 27, a Facultade aprosegue coa conmemoración do día do libro a través da lectura continuada de textos literarios por parte de estudantado e profesorado do centro, entre as 10 e as 15 horas. Ademais, ese día pola tarde presentaranse dous dos proxectos colaborativos desenvolvidos durante o curso académico e que contaron coa participación de estudantado e profesorado: o Club de Lectura e a Revista Fósforo.
Finalmente, na mañá do día 28 o centro agasallará a comunidade universitaria cun exemplar do libro De pedra a azulexo, que recolle as obras premiadas no VI e VII Concurso Literario Mazarelos dos anos 2020 e 2021. As conmemoracións conclúen na tarde do xoves coa estrea das obras teatrais dos dous grupos da Facultade (Miserables e Cras), de novo froito dos proxectos colaborativos do presente curso.