Santiago de Compostela
Aula 31
Analizaranse aspectos básicos de protección de datos para a vida práctica
O catedrático de Dereito Constitucional da USC José Julio Fernández Rodríguez imparte o martes 3 de decembro a partir das 16.00 horas na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte o seminario 'Claves da nova normativa da IA: aspectos básicos de protección de datos para a vida práctica'. Será na Aula 31 e o seminario está dirixido a estudantes de todas as áreas, especialmente do Máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para a Educación; para asistir é preciso inscribirse previamente.
Trátase do segundo seminario organizado desde a Cátedra Economía da Ciberseguridade USC-INCIBE e nel incidirase en que a protección de datos é un dereito fundamental clave para preservar a privacidade nun mundo dixital. Así mesmo abordarase o seu significado para as persoas, a súa regulación mínima en principios, tratamento lexítimo de datos, dereitos das persoas interesadas e obrigas das responsables.
Tamén se discutirán os retos que a intelixencia artificial supón para a protección de datos, como a minimización de datos, o control de fins e os riscos da automatización de perfís. Analizarase a relación entre protección de datos e ciberseguridade, e se a normativa debe adaptarse aos novos avances tecnolóxicos. Finalmente, destacarase o rol das e dos futuros docentes en transmitir estes valores ás xeracións máis novas.