Ir o contido principal

Seminario 'A conciencia histórica e o desenvolvemento dunha dialéctica Gramsciana baseada en valores dentro das narrativas neoliberais actuais na formación docente'

23 de abril / 25 de abril

Santiago e Lugo
Aula Frei Martín Sarmiento da Facultade de Ciencias da Educación / Salón de Actos da Facultade de Formación de Profesorado

Relator: Nick Mead, profesor da Oxford Brookes University

O seminario será o día 23 en Santiago e o 25 en Lugo. Foto: Santi Alvite
O seminario será o día 23 en Santiago e o 25 en Lugo. Foto: Santi Alvite

O profesor emérito da Oxford Brookes University Nick Mead impartirá os días 23 e 25 de abril, en Santiago e Lugo respectivamente, o seminario 'A conciencia histórica e o desenvolvemento dunha dialéctica Gramsciana baseada en valores dentro das narrativas neoliberais actuais na formación docente', unha actividade coordinada polo catedrático emérito da USC, Uxío Otero.

Nick Mead, ex director do Departamento de liderado e educación profesional da Oxford Brookes University, é doutor pola Universidade de Middlesex. A súa investigación céntrase no desenvolvemento do coñecemento profesional mediante a interacción cos valores morais, políticos e persoais no contexto da formación baseada nos plans de estudo. Unha das súas últimas achegas, con docentes do ámbito internacional, é o libro Moral and political values in teacher education over time: international perspectives, no que se interna na deriva dos valores morais e políticos dos docentes nun ethos neoliberal e que consecuencias pode ter esa deriva.

A xornada do día 23 desenvolverase na Aula Frei Martín Sarmiento da Facultade de Ciencias da Educación en horario de 11 a 13.30 e de 16.30 a 19 horas. En Lugo será o día 25 no Salón de Actos da Facultade de Formación de Profesorado no mesmo horario. A asistencia é aberta a alumnado, profesorado, graduados e profesional da educación, previa inscrición nos centros o propio día das xornadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2024.