O Seminario desenvolverase ao longo de todo o curso con achegas de persoal investigador de toda España e Portugal

A primeira sesión desta actividade do Grupo de Investigación ANTE contará coa intervención da investigadora da USC María Gil Martínez que falará sobre 'Que verde era o noso val: imaxes para a resistencia socioambiental en Galicia'. Investigadora predoutoral na Facultade de Xeografía e Historia, María Gil Martínez é graduada en Historia da Arte con Premio Fin de Carreira da Xunta de Galicia, e mestrado en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte (USC-ULPGC). O Seminario de Futuros Urbanos é unha iniciativa concibida para o estudo e o pensamento promovida polo grupo de investigación ANTE da USC.
Na actualidade leva a cabo a súa tese de doutoramento no Departamento de Historia da Arte arredor da ligazón entre a creatividade e a disidencia no imaxinario gráfico das loitas socioambientais en Galicia, baixo a dirección do profesor Miguel Anxo Rodríguez González. As súas liñas de investigación parten da relación entre arte e política, os estudos culturais e a arte gráfica. É parte do grupo de investigación de Historia da Arte, da Arquitectura e do Urbanismo (HAAYDU, GI-1510) e do proxecto nacional DEPARQ (PID2020-112921GB-I00). Tamén realizou estadías de investigación no Instituto de Investigação em Arte, Design e Sociedade (i2ADS) da Faculdade de Belas Artes da Universidade do Porto (FBAUP) e na Faculty of Arts and Humanities da University of Reading, dentro do Department of History.
