O rector da USC Antonio López participará no evento inaugural desta iniciativa que procura realizar unha estratexia de reordenación e integración ambiental da contorna do río Tines, no concello de Outes

O venres 3 de marzo arranca na Casa da Cultura do Concello de Outes o seminario de inicio do proxecto Renatur_Outes, unha iniciativa na que as tres universidades públicas galegas se poñen ao servizo da administración pública local para realizar unha estratexia de reordenación e integración ambiental.
Desenvolveranse actividades de fomento da biodiversidade asociada ao río Tines ao seu paso polo casco urbano de Outes: creación de illas de biodiversidade, asentamentos de coleópteros, propagación de fentos termófilos, accións de recuperación do bosque de ribeira, eliminación de especies exóticas invasoras como Acacia spp., Tradescantia fluminensis ou Oxalis pes-caprae, limpezas do río, accións de formación e divulgación á poboación da contorna, de voluntariado ambiental e de participación pública da cidadanía (actividades de ciencia cidadá, actividades de coñecemento do medio, rutas medio ambientais, xornadas de plantación de bombas de biodiversidade, talleres con escolas, asembleas de información cidadá e participación pública, etc.).
Este seminario de inicio comezará ás 11.30 horas coa presentación institucional e científica do proxecto, nun acto no que intervirá o reitor da USC, Antonio López, e os seus homólogos nas universidades da Coruña e Vigo, Julio Ernesto Abalde e Manuel Reigosa, ademais do alcalde de Outes, Manuel González; o director do CEER, Ángel Miramontes e representantes da Fundación Biodiversidad. María Rodríguez, da Fundación CEER; María Inmaculada Romero Buján, da USC; Oscar Fuertes, da UdC; Luís González, da Uvigo e Joám Evans Pim, da Fundación Montescola, explicarán ás persoas asistentes os pormenores da iniciativa.
Seguirá unha sesión de gobernanza local coa cidadanía e unha camiñada interpretativa para coñecer a contorna do río Tines, acompañada de accións simbólicas de métodos de eliminación de acacias e plantación de especies autóctonas coa colaboración do alumnado do colexio e instituto locais.
Este proxecto, subvencionado pola Fundación Biodiversidad, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico conta cun orzamento de 908.800,00 €; é liderado polo Concello de Outes e coordinado polo CEER (Centro de Estudios Eurorrexionais de Galicia- Norte de Portugal) e contará como socios activos con figuras expertas das Universidades de A Coruña, Santiago e Vigo e da Fundación Montescola.