Ir o contido principal

Seminario 'Marco actual da ciencia aberta'

27.11.2024 | 10.00h
Sede do CiTIUS. FOTO: Santi Alvite
Sede do CiTIUS. FOTO: Santi Alvite

Este mércores 27 de novembro desenvólvese a partir das 10.00 horas no Salón de Actos do CiTIUS o seminario 'Marco actual da ciencia aberta e recursos da BUSC para a súa promoción'. Este seminario, que imparten a directora da Biblioteca Universitaria da USC (BUSC) Mabela Casal e Carmen Posse, do repositorio Minerva da USC, ten un dobre obxectivo: dar a coñecer as implicacións das políticas europea e estatal de Ciencia Aberta na carreira do persoal investigador da USC e, ao mesmo tempo, difundir os recursos e servizos que a Biblioteca Universitaria da USC pon ao dispor do persoal docente e investigador para desenvolver a súa investigación neste marco.

Na primeira parte da charla darase a coñecer o marco actual da Ciencia Aberta nas Universidades españolas, e as políticas e requirimentos en España e Europa respecto da publicación dos resultados da investigación financiada con fondos públicos. Seguidamente, explicaranse os recursos e servizos que a BUSC pon a disposición do persoal docente e investigador para o desenvolvemento da súa investigación, incluídos os relacionados co autoarquivo no repositorio institucional Minerva e aqueles que potencien a visibilidade e o impacto da investigación.

Sobre Mabela Casal
Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ingresou como axudante de biblioteca da USC no ano 1994 e dende o ano 2003 é facultativa da escala de bibliotecas da USC. Ocupa o cargo de directora da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela dende maio de 2008 e nese mesmo ano acadou o diploma de directivo da Administración da Xunta de Galicia (2008). Foi ademais secretaria executiva da Rede de Bibliotecas Universitarias españolas (REBIUN) de 2016 a 2020 e formou parte ata 2022 do Consello de Cooperación de Bibliotecas de Galicia en representación das bibliotecas universitarias. De 2016 a 2020 tamén formou parte do Consello de Cooperación Bibliotecaria estatal.

Sobre Carmen Posse
Licenciada en Documentación pola Universidade de Salamanca, a súa traxectoria profesional no eido da xestión bibliotecaria e documental sempre buscou atender as novas demandas da xestión da información no contorno dixital. Desde o ano 2023 encárgase da administración de Minerva, repositorio institucional da USC, e da xestión dos acordos transformativos para a publicación en acceso aberto.

Carmen Posse, esquerda, e Mabela Casal
Carmen Posse, esquerda, e Mabela Casal
Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2024.