A Cátedra Juana de Vega asómase ás fiestras e postigos dixitais das mulleres que habitan a contorna rural e mariñeira nun seminario en liña o luns 7 e o mércores 9

Baixo o título 'Mulleres rurais: fiestras e postigos no ecosistema dixital', desenvólvese un seminario en liña organizado e financiado pola Cátedra Juana de Vega da USC e no que colabora o proxecto ‘Xénero, Sustentabilidade e Saberes Rurais’ do Instituto de las Mujeres do Ministerio de Igualdade. Aberto para todos os públicos, celébrase en dúas sesións —luns 7 de xullo ás 11.15 horas e mércores 9 de xullo ás 17.15 horas—. A ligazón para seguir as mesas de debate e as conversas, que se conciben como un espazo para a reflexión e o partillado de experiencias, é https://bit.ly/mulleresruraisecosistemasdixitais.
Para a xornada do luns 7 de xullo están convocadas as gandeiras Tania Rancaño (A Fonsagrada) e Lucía Casal (Melide), dúas mozas con perfís activos en redes sociais. Así mesmo, participarán o colectivo estatal Ganaderas en Red, a través de Sandra Barros, e Sarah Hart, unha das socias do proxecto de fermentados lácteos La Lleldiría nos Valles Pasiegos, en Cantabria.
O seminario do mércores 9 contará con colectivos como Bosqueados, na voz de Belén, e Somos Comuneros e Entretantos, por quen falará Eru. A mariscadora da ría de Muros e Noia María Maceiras Louro, Mariquiña, e o proxecto Mallata de pastoreo no Pireneo aragonés, de Lucía López Marco, tamén terán o seu espazo. Completan a mesa do mércores a xornalista Patricia Dopazo, da revista Soberanía Alimentaria, e Tania Sáchez Gómez, educadora social da cooperativa Outonía, que opera na montaña de Lugo e Ourense.
Esta iniciativa ten como obxectivo poñer en valor os coñecementos, prácticas e experiencias das mulleres do rural, recoñecéndoas como axentes centrais na loita fronte á crise ecosocial.