Ir o contido principal

Seminario Nacional de Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante en Ciencias da Educación

25.10.2024 | 16.15h

Santiago de Compostela
Salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación. Campus Sur

Haberá relatorios, obradoiros e unha mesa de experiencias e boas prácticas

O seminario céntrase na abordaxe desta realidade dende o emprego das metodoloxías activas e a xestión educativa da diversidade cultural
O seminario céntrase na abordaxe desta realidade dende o emprego das metodoloxías activas e a xestión educativa da diversidade cultural

O grupo de investigación ESCULCA organiza os días 25 e 26 de outubro a décimo sexta edición do Seminario Nacional de Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, que nesta edición se centra na abordaxe desta realidade dende o emprego das metodoloxías activas e a xestión educativa da diversidade cultural.

O seminario, dirixido a profesorado non universitario, desenvolverase en formato presencial no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur. A inauguración será este venres 25 ás 16:15 horas baixo a presidencia do reitor Antonio López e coa participación da decana da facultade anfitrioa, Mar Lorenzo, e o presidente do comité organizador, o profesor Santos Rego.

A continuación terá lugar un relatorio sobre metodoloxías activas en contextos de diversidade cultural e a aprendizaxe de valores na aula a cargo de Cruz Pérez Pérez, da Universidade de Valencia. O resto da xornada contempla diversos obradoiros sobre técnicas de aprendizaxe cooperativa en contextos de diversidade cultural, estratexias para deseñar situacións de aprendizaxe ou a metodoloxía Aprendizaxe-Servizo.

Na sesión do sábado, na que se continuará cos obradoiros, desenvolveranse relatorios sobre a implicación das familias na diversidade cultural e a xestión dos centros educativos a cargo de Julia Crespo e Jesús García, da USC, e sobre as migracións como eixo de uso didáctico para o tratamento educativo da diversidade cultural, da man da decana e do profesor do IES Campo de San Alberto (Noia), Raúl Sotelo Vázquez. Haberá ademais unha mesa de experiencias na que compartirá boas prácticas no contexto escolar profesorado de centros educativos de Burela, Ames e Ribeira.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2024.