Ir o contido principal

Seminario ‘Orde internacional en crise?’

09.10.2025 | 12.00h

Santiago de Compostela
Salón de Graos

O seminario desenvólvese na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. Foto: Santi Alvite
O seminario desenvólvese na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. Foto: Santi Alvite

O mestrado en Estudos Internacionais da USC xunto co Grupo de investigación GRESIN e a Facultade de Ciencias Políticas e Sociais desenvolve o xoves 9 un seminario internacional sobre un tema de máxima actualidade como é o relativo á crise e transformación que está experimentando a orde internacional nestes últimos anos e que contará coa participación de tres especialistas de universidades españolas. A actividade, aberta ao público en xeral, será no Salón de Graos da Facultade.

Este seminario de investigación pretende fomentar a reflexión e o debate académico sobre a actual crise que vive a orde internacional liberal, e en especial sobre o seu futuro ante un contexto de crecente contestación e debilidade das potencias que o erixiron. Segundo os organizadores, os valores liberais e democráticos que patrocinaron a creación e expansión desa orde parecen estar en retroceso, ao tempo que novas potencias como China ou Rusia contestan de formas diversas os seus cimentos.

O seminario inaugurarano ás 12.00 horas a decana da Facultade anfitrioa, Marta Lois, e o responsable do mestrado organizador, Miguel Arenas. A continuación terá lugar un debate con Francisco Jiménez, catedrático de Dereito Internacional Público da Universidade Rey Juan Carlos; Leire Moure, profesora agregada de Relacións Internacionais da Universidade do País Vasco; e Pablo Pareja, profesor agregado Serra Húnter de Relacións Internacionais da Universitat Pompeu Fabra. Actuará como moderadora Irene Rodríguez Manzano, profesora titular de Relacións Internacionais da USC, que será tamén a encargada de presentar ás 13.30 horas as conclusións.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.10.2025.