A catedrática do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS de Enxeñaría aborda este martes nas xornadas Luis Asorey as vantaxes e os beneficios medioambientais que reportan os sistemas agroforestais fronte a prácticas agrícolas, gandeiras ou forestais simples

A catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, abordará este martes, a patir das 19.00 horas, no salón de actos da Deputación de Lugo, os beneficios medioambientais dos sistemas agroforestais no marco dun relatorio incluído no programa das xornadas Luis Asorey.
Rosa Mosquera afondará na súa intervención nos principais tipos de sistemas agroforestais que existen e a súa importancia en Galicia, España e Europa. Baseándose nos resultados dos proxectos de investigación desenvolvidos polo grupo de Sistemas Silvopastorais da USC que ela mesmo coordina, a investigadora demostrará que os sistemas agroforestais son, en xeral, máis beneficiosos desde o punto de vista do secuestro de carbono e a inmobilización do mesmo que os sistemas agrícolas, gandeiros e forestais simples.