Conversa, espectáculo literario e coloquio en catalán coa poeta Jèssica Ferrer Escandell e o clown Diego Martínez González

A Área de Filoloxía Catalá da USC promove o xoves 13 de abril unha xornada literaria coa poeta Jèssica Ferrer a partir do seu novo poemario Fissures (2023). Tradutora de Lois Pereiro ao catalán e profesora no Brasil entre 2017 e 2020, Ferrer falará da súa poesía e algúns dos referentes novos do panorama literario catalán. A conversa transitará polas lecturas e rúas catalás, galegas e brasileiras nun itinerario circular e desde unha perspectiva poética emerxente que vén dos campos de Ibiza. Desenvolverase das 12.00 ás 14.00 horas na Aula B06 da Facultade de Filoloxía.
A xornada inclúe tamén un espectáculo performativo-literario-sonoro, no que participan a poeta e grupo 'Ses Honorables Virtuts I·lògiques' , que ofrece un percorrido por diferentes atmosferas construídas a partir de textos recitados propios, presenza escénica, un chisco de humor e surrealismo, obxectos, e instrumentos convencionais e non convencionais e que irá seguido dun coloquio. Arrancará ás 17.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía.