Ir o contido principal

Segunda sesión do DivúlgaT

30.10.2025 | 19.00h

O Vello Cárcere
Lugo

Imaxe oficial do foro
Imaxe oficial do foro

O Vello Cárcere de Lugo será unha vez mais o escenario dos monólogos científicos da décima edición do certame DivúlgaT25 en lingua galega. Organizada pola asociación Agromar da Universidade de Santiago de Compostela, esta iniciativa consolidada busca achegar á cidadanía o traballo investigador que se realiza no Campus de Lugo, sementar vocacións científicas entre a mocidade e reforzar o uso do galego como lingua de divulgación.

Os monólogos serán presentados nunha gala aberta á cidadanía, combinando rigor científico con creatividade e capacidade comunicativa. Estas intervencións son froito dun proceso de formación previa, que inclúe un obradoiro específico para transformar discursos técnicos en mensaxes divulgativas, accesibles e atractivas para todos os públicos.

O día 30 de outubro ás 19.00 horas terá lugar a segunda sesión do DivúlgaT25 con temas diversos e sorprendentes, como as migracións humanas, os polímeros extraídos do medio mariño, a IA ao servizo dos carballos galegos, o impacto dos mosquitos como vectores de enfermidades, os fungos parasitófagos e o funcionamento da nariz e como se pode ver afectado nos corzos.

A décima edición do certame conta co apoio da Deputación Provincial de Lugo e representa unha oportunidade única para dar a coñecer o talento investigador do Campus de Lugo, promover unha cultura científica próxima e inclusiva, e reivindicar o uso do galego como lingua válida e eficaz para comunicar coñecemento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.10.2025.