Ir o contido principal

Sesión informativa sobre a 8ª convocatoria Seed Funding de EUniWell

06.02.2025 | 10.00h

A Oficina EUniWell da USC organiza este xoves unha sesión informativa híbrida para asesorar ás persoas interesadas

A xornada informativa poderase seguir de xeito presencial ou telemático
A xornada informativa poderase seguir de xeito presencial ou telemático

A Universidade Europea para o Benestar (EUniWell), na que se integra a USC, mantén aberta a oitava convocatoria Seed Funding. Trátase dun programa de financiamento que persegue que persoal investigador, profesorado, estudantado e persoal administrativo das universidades do consorcio EUniWell colaboren na posta en marcha de proxectos innovadores que melloren, de xeito diverso e significativo, o benestar na saúde, na educación, na cultura, na universidade, na esfera persoal ou, en xeral, na sociedade.

O prazo para o envío de propostas estará aberto ata o 16 de marzo. Cada proxecto terá unha duración de ata 12 meses e poderá recibir unha subvención máxima de 25.000 euros. As iniciativas seleccionadas en convocatorias anteriores poden consultarse na páxina de EUniWell
 

Sesión informativa na USC
A fin de orientar no proceso de solicitude, a Oficina EUniWell da USC organiza unha sesión informativa híbrida este xoves 6 de febreiro ás 10.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais ou virtualmente a través desta ligazón de Teams. As persoas interesadas recibirán asesoramento sobre os requisitos para a presentación de proxectos, a busca de socios noutras universidades do consorcio e o proceso de avaliación. 

Para consultas xerais sobre a convocatoria: euniwell [at] usc.gal (euniwell[at]usc[dot]gal)   
 

Cartel da oitava convocatoria do Seed Funding, iniciado o pasado 20 de xaneiro
Cartel da oitava convocatoria do Seed Funding, iniciado o pasado 20 de xaneiro
Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.02.2025.