A Oficina EUniWell da USC organiza este venres 19 unha sesión informativa híbrida para orientar ás persoas interesadas

A Universidade Europea do Benestar EUniWell, na que se integra a USC, mantén aberta a sétima convocatoria do programa de financiamento Seed Funding que persegue que persoal investigador, profesorado, estudantado e persoal técnico de xestión e administración de servizos das institucións pertencentes á alianza EUniWell poñan en marcha proxectos colaborativos que melloren de xeito diverso e significativo o benestar na saúde, na educación, no eido institucional e na esfera persoal, así como na sociedade e na cultura en xeral.
Nesta convocatoria, que estará aberta ata o vindeiro 15 de setembro, cada proxecto innovador pode recibir unha subvención máxima de 25.000 euros a distribuír entre os diferentes socios e terá unha duración máxima de 12 meses. Todas as propostas de proxecto deben contar coa participación de membros de polo menos catro universidades do consorcio. A resolución da convocatoria comunicarase no mes de novembro.
Sesión informativa na USC
A fin de orientar no proceso de solicitude, a Oficina EUniWell da USC organiza unha sesión informativa híbrida este venres 19 ás 11.30 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Dereito ou virtualmente a través desta ligazón de Teams. As persoas interesadas recibirán asesoramento sobre os requisitos para a presentación de proxectos, a busca de socios noutras universidades da alianza e o proceso de avaliación. Haberá rolda de preguntas ao final.
As consultas xerais sobre esta convocatoria poden dirixirse ao enderezo: euniwell [at] usc.gal (euniwell[at]usc[dot]gal).