Convocada ás 09.45 horas (10.00 horas en segunda convocatoria) no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome (Santiago) e na Sala Multiusos do Edificio Servizos Administrativos/Biblioteca Intercentros (Lugo).

A próxima sesión ordinaria de Consello de Goberno do ano 2022 terá lugar o xoves 26 de xaneiro no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome (Santiago) e na Sala Multiusos do Edificio Servizos Administrativos/Biblioteca Intercentros (Lugo).
A xuntanza está prevista ás 09.45 horas en primeira convocatoria e 10.00 horas en segunda, e estenderase ata as 15.00 horas. No caso de que sexa necesario, a reunión continuará pola tarde, das 16.30 horas ata as 18.30 horas.
Entre os temas da orde do día inclúese a convocatoria de vacantes nas comisións non delegadas e a aprobación da oferta de prazas da convocatoria do Programa Ramón y Cajal 2022 e os criterios de adscrición (incorporación 2023). Tamén se someterán a aprobación as prórrogas de profesorado, as memorias de permisos sabáticos (curso 2021-2022), así como as declaracións de intencións de novas titulacións de mestrado para a súa implantación no curso 2024/2025, as declaracións de intencións de modificacións de titulacións de grao, mestrado universitario e doutoramento. Ao tempo, abordarase a modificación de varias titulacións para a súa aplicación no curso 2023-24, aprobarase, se procede, a Normativa pola que se establece o procedemento de atención á conciliación da vida persoal e profesional do profesorado no proceso de asignación de docencia, e o Acordo para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa do persoal funcionario e para o establecemento do complemento de desempeño do persoal laboral no ámbito do Persoal de Administración e Servizos da Universidade de Santiago de Compostela.
Tamén se someterán a aprobación a proposta de premios extraordinarios de grao e mestrado do curso 2021-2022, a modificación dos Estatutos da Fundación Rof Codina, a modificación do Plan de Medidas Antifraude e Prevención de Riscos de Xestión da USC, a modificación da RPT de PAS e a proposta de modificación e actualización de tarifas, ademais da modificación do Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos e responsables académicos na USC (dirección CEBIOVET) e o Regulamento de réxime interno de centro.
Finalmente, o Consello abordará a transferencia de resultados de investigación.