Ir o contido principal

I Simposio Internacional do CiMUS da USC

Do 11 ao 12 de xullo de 2022

Baixo o título 'From bench to human translational research', o encontro procura compartir e divulgar coñecemento científico en biomedicina

 I Simposio Internacional do CiMUS da USC
I Simposio Internacional do CiMUS da USC

Os próximos 11 e 12 de xullo terá lugar o I Simposio Internacional do CiMUS da USC no que se darán cita, de maneira presencial e en liña, ao redor de 200 profesionais de todo o mundo. Organizado polo Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, o encontro centra o seu programa científico en tres das principais áreas de investigación do CiMUS , concretamente os mecanismos básicos da bioloxía e a enfermidade humana, a medicina de precisión e teranóstica e o descubrimento de fármacos. Nesta cita, cuxo comité organizador está dirixido por Rubén Nogueiras, abordaranse os desafíos e tendencias que expón a investigación biomédica desde a súa base ata a translación clínica.

Fundamentos do programa

As comorbilidades asociadas ao metabolismo, a importancia do cerebro en enfermidades humanas, os novos coñecementos en cancro -dende o cancro de mama ata o melanoma pasando polo uso de nanomateriais, entre outros tópicos-, así como o potencial terapéutico do ARN en neuroloxía ou desde o punto de vista epixenético son algunhas das temáticas que centrarán este encontro de man de persoal investigador da USC e outras figuras científicas de especial relevancia no panorama estatal (Xosé Bustelo do CSIC e Marisol Soengas do CNIO, entre outros) e internacional.

Divulgar os resultados da investigación para mellorar a saúde

O actual contexto sanitario e social pon de manifesto unha vez máis a necesidade dunha maior alfabetización científica mundial, que só pode lograrse mediante a difusión de investigacións de vangarda. Este encontro do CiMUS, do mesmo xeito que os anteriores workshops, constitúe un escaparate para mostrar os resultados de diferentes investigacións e o talento novo do Centro. Grazas a enfoques multidisciplinares para mellorar a saúde humana e o coñecemento científico alén do fomento de sinerxías entre o persoal investigador, o CiMUS aposta por un traballo sen fronteiras, aberto ao mundo, que contribúa a situar a ciencia biomédica desenvolvida en Galicia no mapa global.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2022.