Ir o contido principal

Simposio Internacional "O que virá". Conversas sobre literatura actual (e por nacer)

29.05.2024-31.05.2024 | 10.00h

Santiago de Compostela
Salón de Actos da Facultade de Filoloxía

O encontro desenvolverase entre os días 29 e 31 de maio en Filoloxía

O encontro desenvolverase na Facultade de Filoloxía
O encontro desenvolverase na Facultade de Filoloxía

A Facultade de Filoloxía acollerá entre os días 29 e 31 de maio o Simposio Internacional ‘O que virá’, no que se exporán distintas perspectivas críticas e teóricas da literatura contemporánea, cun especial interese pola latinoamericana. O encontro, que á súa vez é unha homenaxe á ensaísta e profesora arxentina Josefina Ludmer, recollerá achegas que fornecerán o debate sobre cuestións formais, tipolóxicas, editoriais, ecolóxicas, estéticas e culturais que están a adquirir unha maior presenza nos diferentes polisistemas literarios actuais.

A conferencia inaugural deste encontro científico terá lugar ás 10.00 horas no salón de actos da facultade e, baixo o título ‘La literatura postautónoma en sociedades extremadamente violentas’ correrá a cargo de José. A. Sánchez Carbó, profesor da Universidade Iberoamericana-Puebla.

Posmonolingüismo e as literaturas posautónomas; violencia e denuncia na poesía mexicana actual; o baleiro como espazo poético; o teatro de Lola Arias; biografía e bioficción como lugar de encontro da literatura, a historia e a crítica; tradición e devir da vía ascestética na poesía; Instancias de lexitimación e mediación nos procesos actuais de circulación literaria transnacional, e xustiza climática e racismo ambiental en narracións máxico-realistas brasileiras son os temas dos relatorios que, xunto con sesións de presentación de investigacións por persoal investigador da USC, se sucederán nos tres días do simposio.

Xa o 31 de maio, a xornada contempla unha mesa redonda na que Antonio J. Gil González, da USC, e Carmen Morán Rodríguez, da Universidade de Valladolid, reflexionarán sobre a cuestión ‘O infinito: literatura mutante ou zombi?’. O simposio rematará coa conferencia de clausura a cargo de Ana Gallego Cuiñas, da Universidade de Granada, titulada ‘Figuras de escribots: autoría e intelixencia artificial’.

Dirixido por Paulo Gatica Cote e Sarah Vidal Horta e coordinado por María Díaz Fernández e David Lea, o simposio conta co apoio do Grupo de investigación Teoría da literatura e Literatura comparada da USC, o proxecto de investigación ‘Estéticas da obsolescencia: elementos para a análise das relacións entre literatura e novos medios, a Cátedra de cultura latinoamericana Alejo Carpentier, o Departamento de Lingua e Literatura españolas, Teoría da literatura e Lingüística xeral da USC e a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura.

 

Cartel do encontro
Cartel do encontro
Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.05.2024.