A Comisión de Normalización Lingüística de Medicina e Odontoloxía organiza un ciclo de charlas que pretenden afondar na relación entre a medicina e a identidade, a comunicación e o idioma, baixo o lema ‘O galego ten saúde!’.

A segunda palestra celebrarase o 18 de marzo na Aula Castelao da Facultade de Medicina. ‘A situación do galego no eido da saúde’ centrará as intervencións, nunha táboa redonda, da psiquiatra Iria Veiga, do residente de Medicina Familiar e Comunitaria Álvaro Lamas Baños e do enfermeiro Manuel Edreira. Os relatores avanzarán non só un diagnóstico, no que salientan as situacións de discriminación polo uso da lingua galega e o papel do clasismo, senón tamén posibles tratamentos: como afrontar as situacións ou comentarios discriminatorios, importancia do galego do traballo sanitario cotián, medidas para a normalización da lingua galega no eido da saúde, ou mensaxes para quen vaia incorporarse ao sector sanitario.