Ir o contido principal

Webinario

‘A situación do polbo en Galicia: problemas actuais e oportunidades de futuro’

O programa, coordinado polo profesor Sebastián Villasante no marco do proxecto ‘Cephs and Chefs’, desenvólvese en liña a partir das 17.00 horas e contará coa participación de representantes da Administración, científicos, empresas e profesionais do sector pesqueiro

Cartaz con participantes no webinario sobre a situación do polbo en Galicia
Cartaz con participantes no webinario sobre a situación do polbo en Galicia

A USC analizará este luns 15 de marzo a sustentabilidade do polbo en Galicia no marco do webinario ‘A situación do polbo en Galicia: problemas actuais e oportunidades de futuro’. Esta actividade formativa e de divulgación organizada no marco do proxecto Interreg ‘Cephs and Chefs’ está coordinada polo profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo Sebastián Villasante.

As confrarías de pescadores, os científicos e a administración constataron a desaparición do polbo das rías galegas durante o ano 2020, considerado o como o peor ano da historia da pescaría. As causas, consecuencias e posibles solucións á situación advertida polo sector serán obxecto de análise e debate neste webinario, no que intervirán como relatores representantes da Administración galega, científicos e representantes da pesca extractiva e da comercialización, co fin de dialogar sobre a situación actual do polbo e as oportunidades de futuro para o sector pesqueiro.

O obxectivo do proxecto ‘Cephs and Chefs’ consiste en desenvolver novos mercados e produtos baseados en cefalópodos (calamares, polbos, sepias), a fin de aumentar a rendibilidade da cadea de valor e axudar a que os pescadores e as empresas sexan máis competitivos na Área Atlántica.

O proxecto trata de mellorar a capacidade para facer fronte aos desafíos económicos derivados da globalización dos mercados e do cambio climático, ao tempo que garante unha pesca sostible. As poboacións de cefalópodos non están suxeitas á xestión de cotas a nivel da UE e existen oportunidades para desenvolver novas pescarías e mercados.

As persoas interesadas en participar neste webinario poden formalizar a súa inscrición en liña de xeito gratuíto. A sesión, que se prolongará durante dúas horas, tamén se desenvolverá de xeito virtual.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2021.