O reitor da USC, Antonio López, inaugura este xoves, ás 16.30 horas, en Formación do Profesorado, o XXI Congreso Internacional SIPS 2021, que continuará a analizar os días 29 de outubro, 4, 5 e 6 de novembro no centro universitario lugués o reto da transición ecolóxica e as respostas educativas á crise socioambiental

A Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social (SIPS) abordará o reto da transición ecolóxica e as respostas educativas á crise socioambiental na Facultade de Formación do Profesorado , no marco do XXI Congreso Internacional SIPS 2021, un foro promovido polo Grupo de Investigación Pedagoxía Social Educación Ambiental da USC, cuxas sesións presenciais se desenvolverán desde este xoves 28 de outubro no centro universitario lugués. O reitor da USC, Antonio López, inaugurará, a partir das 16.30 horas, este congreso, que terá continuidade na capital luguesa os días 29 de outubro e 4 e 5 de novembro, aínda que tamén poderán seguirse en liña través de streaming.
A importancia da educación ambiental como pedagoxía social, a formación da ecocidadanía e da cultura da sustentabilidade, e o debate e a análise de iniciativas e experiencias educativas orientadas cara a transición ecolóxica constitúen algún dos eixes temáticos arredor dos que xira o Congreso Internacional SIPS 2021, cuxo programa tamén inclúe a celebración do XXXIII Seminario Interuniversitario de Pedagoxía Social.
A Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social, que recupera Galicia como sede do seu congreso no vixésimo aniversario da súa constitución, impulsa este foro internacional coa pretensión de alentar a presentación de reflexións e respostas acaídas para que as sociedades do século XXI afronten con garantía de éxito os desafíos que implica conciliar os desiguais procesos de desenvolvemento cos límites físicos da biosfera.
Aceptar o reto da transición ecolóxica e a necesidade de educar noutras formas de vida e de desenvolvemento individual e colectivo desde unha fonda convicción ética e pedagóxica, constitúe outra das premisas dunha sociedade científica, para a que os visibles efectos do cambio climático e a propia pandemia causada pola COVID-19 son, entre outras, claras advertencias da necesidade de reformular as actuais relacións coa biosfera.
Programa e inscricións
O programa do XXI Congreso Internacional SIPS 2021 e do XXXIII Seminario Interuniversitario de Pedagoxía Social está estruturado en diversos relatorios e sesións de presentación de comunicacións que se desenvolverán en quenda de tarde, agás a xornada do 6 de novembro, na que os congresistas presenciais poderán completar a pé un treito do Camiño Primitivo de Santiago ao seu paso pola capital luguesa.
A investigadora da Sociedade Catalá de Educación Ambiental (SCEA) Teresa Franquesa Codinach, abrirá o 28 de outubro a quenda de relatorios cunha intervención sobre educación e cultura da sustentabilidade. A importancia da educación ambiental ante a crise global centrará ao día seguinte un coloquio no que intervirá o profesor da USC Germán Vargas Calleja, xunto con outros tres docentes de universidades de Brasil, México e Canadá.
A xornada do 4 de novembro xirará arredor da educación para a transformación ecosocial, un tema sobre o que falarán Francisco Heras Hernández, da Oficina Española de Cambio Climático; María Sintes Zamanillo, do Centro Nacional de Educación Ambiental; José Manuel Gutiérrez Bastida, do Igurugela Goberno Vasco, e Dolores Limón Rodríguez, da Universidade de Sevilla. A presentación de experiencias de educación ecosocial e un coloquio entre Ferrán Puig Vilar e Carmen Velayos Castelo sobre os límites e posibilidades da formación fronte ao cambio global, servirán de epílogo deste foro.