Salón de Graos
A Facultade de ADE acolle este venres, ás 10.00 horas, no Salón de Graos do centro universitario lugués, a celebración do acto, que será de acceso libre para o público
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas da sede universitaria luguesa acolle este venres, a partir das 10.00 horas, no Salón de Graos do centro, a celebración do sorteo de dous iPads entre o alumnado do Campus Terra que participou nas enquisas realizadas para o posterior desenvolvemento dun estudo sobre o retorno social e económico da inversión que supón o este campus de especialización da USC na súa contorna.
A delegada do Reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, e o delegado da Facultade de ADE, Roberto Bande Ramudo, serán os encargados de supervisar a correcta celebración do sorteo, que se desenvolverá no marco dunha sesión de acceso libre a todo o público interesado, ao tempo que tamén será gravada en Teams.
López Mosquera e Bande Ramudo sinalaron que a oferta destes dispositivos tecnolóxicos como agasallos para o alumnado pretendeu servir de aliciente para a participación da comunidade estudantil na provisión de datos que resultan de interese para a posterior elaboración dun informe no que están a traballar dous docentes integrados no grupo de investigación de Análise e Modelización Económica da USC na Facultade de ADE. Os datos recollidos no marco desta investigación aínda incipiente e que se completarán con outras enquisas aos demais colectivos universitarios (PDI e PAS) do Campus Terra, conforman unha mostra de máis de 700 individuos, dos que se contabilizan como validadas 639 enquisas.
Dez anos despois da implantación do proxecto de especialización Campus Terra e logo de ter constatado xa a revitalización experimentada na sede universitaria luguesa en canto a incremento do seu número de estudantes, a atracción de persoal docente e investigador (PDI), tecnoloxía e investimentos, a posta en marcha deste estudo de avaliación sobre o impacto económico, xeración de riqueza e postos de traballo relacionados co Campus Terra, antóllase como unha iniciativa máis para concretar e, a poder ser, cuantificar o efecto que está o campus de especialización Terra no desenvolvemento cultural, científico, educativo e económico.
O impacto directo está relacionado cos gastos efectuados polos axentes (alumnado, profesorado, persoal de administración e servizos e a propia institución) nos sectores económicos da área xeográfica baixo estudo. De feito, as respostas obtidas nesta primeira consulta feita aos estudantes permite definir os seus patróns de gasto, ao tempo que tamén ofrecen unha panorámica respecto do grao de coñecemento do Campus Terra da USC entre o estudantado, así como das actividades que nel se desenvolven, liñas ou áreas de especialización e mesmo sobre as posibles vantaxes e/ou beneficios que reporta o Campus Terra da USC para as persoas que completen a súa formación nesta sede universitaria.