USC, Xunta e AECOC impulsan un foro para acelerar as oportunidades laborais da mocidade

O Summer Camp AECOC do gran consumo 2023 chega o 20 de xuño a Santiago de Compostela da man da USC, da Xunta de Galicia e da Asociación de Fabricantes e Distribuidores AECOC.
Este punto de encontro pretende estreitar as relacións Universidade-empresa e acelerar as oportunidades laborais da mocidade, facilitando a captación de talento por parte das compañías participantes.
A sexta edición desta iniciativa desenvólvese na Facultade de Ciencias da Comunicación e nela participan un cento de persoas menores de 30 anos de toda España que cursan último ano do seu grao ou mestrado ou son tituladas recentes a piques de incorporarse ao mercado laboral. A través de xornadas de networking con empresas en busca de talento universitario, este evento ofrece a posibilidade de achegar o estudantado a persoal de recursos humanos de empresas para que lles brinden asesoramento sobre as competencias profesionais que o sector necesita dun xeito práctico.