Unha vintena de representantes de universidades do sueste asiático participarán a vindeira semana na reunión de posta en marcha do proxecto ‘Sustainable Development Goals in Journalism Reporting’ (SDGs) (Obxectivos de desenvolvemento sostible na comunicación xornalística)
Esta iniciativa, que conta cun millón de euros para a súa execución, será coordinada pola USC a través da Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización e a Facultade de Ciencias de Comunicación. O proxecto persegue dotar a profesionais do xornalismo de ferramentas e coñecementos para informar no eido do coñecemento sostible dunha forma efectiva que permita acadar os obxectivos estipulados na Axenda para o Desenvolvemento Sostible 2030.
O consorcio, formado por oito universidades de Romanía, Cambodia, China, Luxemburgo e Malasia, está liderado polo profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación Marcelo Martínez Hermida. O programa do evento, a desenvolver entre os días 17 e 24, comprende unha sesión de posta en marcha do proxecto e diversas actividades formativas sobre comunicación e desenvolvemento sostible, así como unha visita ao Campus de Lugo.
O acto inaugural, que terá lugar o luns 17 ás 9.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, contará coa participación do vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez.