A sesión divulgativa promovida polo Día da Terra desenvolverase en liña o venres 30 de abril a partir das 10.00 horas e poderá seguirse pola canle de YouTube do Campus Terra

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC celebrará este venres 30 de abril un webinario en liña conmemorativo do Día da Terra que se desenvolverá baixo o título ‘Sustentabilidade, paisaxe e paisaxismo’.
Este foro de divulgación, que poderá seguirse en liña a través da canle de YouTube do Campus Terra da USC, comezará ás 10.00 horas e está estruturado en catro relatorios, a cargo de cadanseu especialista.
O arquitecto e profesor de Urbanismo Francisco Javier González González abrirá a quenda de intervencións coa charla ‘Crise ecolóxica e deseño da cidade’. De seguido, o profesor do Departamento de Xeografía da Universidade Autónoma de Barcelona Jordi Nadal ofrecerá o relatorio ‘Unha mirada á paisaxe dos Pirineos a través do tempo’.
A xestión da Infraestrutura Verde para acadar unha cidade sostible é o tema sobre o que disertará neste foro o xefe do Servizo de Parques, Xardíns e Infraestruturas Verdes de Zaragoza, Francisco Bergua. Asemade, a arquitecta e paisaxista Isabel Aguirre de Urcola pechará o webinario coa charla ‘As escalas da paisaxe: Lisboa e co Canón do Sil’.