Ir o contido principal

Conferencia final do proxecto Educational Knowledge Transfer (EKT)

'Tecnoloxías intelixentes para a innovación na formación de profesorado'

13.04.2023 | 11.00h-17.30h

Santiago de Compostela
Salón de Actos
En liña

O encontro afondará nos resultados deste proxecto cara a enfoques novos, innovadores e multidisciplinares para o ensino e a aprendizaxe

Conferencia final do proxecto EKT
Conferencia final do proxecto EKT

Baixo o título 'Smart Technologies for Innovation in Teacher Training' a conferencia final do proxecto EKT reunirá o vindeiro 13 de abril en Compostela especialistas internacionais na investigación arredor do ensino. A inauguración e do foro, ás 11.00 horas, contará coa presenza do reitor da USC, Antonio López.

A Facultade de Ciencias da Educación da USC acollerá este encontro no que se presentarán os resultados desta investigación á procura de  enfoques novos, innovadores e multidisciplinares para o ensino e a aprendizaxe, así como a colaboración universidade-empresa no desenvolvemento dunha estratexia integral de tecnoloxía de aprendizaxe electrónica adaptada ás necesidades do sector educativo. 

O proxecto competitivo Educational Knowledge Transfer (EKT), unha Alianza de Coñecemento Europea coordinada pola USC a través do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa na que participan outras institucións de España, Austria, Irlanda, Portugal, Bélxica e Reino Unido,  está cofinanciado polo Programa Erasmus+ da Comisión Europea.

EKT desenvolveu durante os tres anos de duración do proxecto  metodoloxías colaborativas educativas baseadas en contornas dixitais intelixentes, involucrando a institucións de tres ámbitos: centros educativos (escolas e profesores), universidades (facultades e investigadores de Educación) e empresas e institucións tecnolóxicas (en concreto as que ofrecen servizos de e-learning) co obxectivo de fortalecer a capacidade de innovación europea, fomentar a innovación no ensino superior e a colaboración coas empresas e a contorna socioeconómica en xeral. Na parte tecnolóxica, liderada polo CESGA, traballouse no desenvolvemento dunha solución adecuada ás necesidades destas institucioness cun modelo de formación, que integra tecnoloxías e ferramentas dixitais para a aprendizaxe e a colaboración moi diversas. Creouse un sistema avanzado de elearning para as prácticas escolares que incorpora diversas tecnoloxías e ferramentas de formación, colaboración e comunicación, e-portfolios e aplicacións móbiles que proporcionarán a estudantes e profesorado un ambiente de aprendizaxe e colaboración eficaz e flexible. EKT traballou no desenvolvemento e experimentación de metodoloxías educativas colaborativas e dun marco tecnolóxico intelixente e escalable dirixido aos estudos oficiais de formación inicial de profesores en educación infantil, primaria e secundaria. 

Nesta Conferencia Final, presentaranse os resultados do proxecto, que contribuirán á revisión e mellora da aprendizaxe dos futuros profesores e ao seu seguimento durante o período de prácticas escolares, traballando con iso en aspectos fundamentais de reforma da profesión docente no noso país e moi especialmente nos recursos de elearning necesarios para a implantación dun novo sistema de acceso á profesión docente comunmente referido como ¨MIR¨ educativo.

O evento será retransmitido en liña e contará coa participación dos 6 países implicados. 

Máis información na web oficial do proxecto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.04.2023.