Organizada pola Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Entre os días 21 e o 24 de febreiro celébrase a cuarta edición de Tempo da Psicoloxía, a iniciativa de debate e divulgación organizada pola Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Ao longo destes días, ofrécense tres palestras sobre o coidado da saúde mental no ámbito comunitario, no da xente moza e tamén no laboral.
As xornadas, abertas ao público xeral, celébranse na Facultade (Campus Sur) e tamén de xeito online, previa inscrición. Nos últimos tempos, estase a producir na sociedade unha gran toma de conciencia da importancia que ten a saúde mental dentro da nosa saúde e benestar pero, ao tempo, tamén son frecuentes as voces tanto profesionais como da cidadanía que sinalan a carestía de recursos profesionais nos servizos públicos para atendela. Por este motivo, desde a organización considerouse oportuno centrar esta edición nos coidados da saúde mental en contextos como o comunitario, o laboral ou nos educativos.
