Ir o contido principal

Semana da Psicoloxía

Tempo da Psicoloxía: unha ollada sobre as migracións

28 de febreiro e 1 e 2 de marzo

Santiago de Compostela
Salón de Actos

Promovida pola Facultade de Psicoloxía da USC e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Tempo da Psicoloxía. Unha ollada sobre as migracións.
Tempo da Psicoloxía. Unha ollada sobre as migracións.

No marco da Semana da Psicoloxía, a USC participa en diferentes eventos que buscan dende este ámbito fomentar o desenvolvemento de actividades culturais e deportivas que favorezan a convivencia as persoas que integran a  nosa comunidade, e afianzar o vínculo entre o estudantado e a institución. 

Con ese fin, a Facultade de Psicoloxía promove co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia a quinta edición de 'Tempo da Psicoloxía', un compendio de relatorios e conversas en formato híbrido (presencial e en liña) arredor de diferentes temáticas vencelladas á saúde mental que este ano se centra nas consecuencias psicolóxicas e sociais das migracións.  A primeira das conferencias do ciclo enmárcase no acto conmemorativo do Día da Psicoloxía Académica que a Facultade celebra o 23 de febreiro ás 12.00 horas no Salón de Actos do centro. O catedrático de Psicoloxía Social da Universidade de Sevilla, Manuel Francisco Martínez García, impartirá entón o relatorio 'A realidade migratoria: unha perspectiva psicosocial',  e serve de antesala ás intervencións que se desenvolverán nesta edición do ciclo programado do 28 de febreiro ao 2 de marzo no Salón de Actos do centro.

'Tempo da Psicoloxía' abre de novo á comunidade universitaria un espazo de reflexión que contará coa intervención de figuras académicas da especialidade, profesionais, activistas, e integrantes de colectivos e asociacións de apoio ás persoas migrantes. O xornalista Ángel Suanzes moderará o 28 de febreiro a sesión 'Cando a única saída é fuxir' na que participarán o psicólogo e colaborador de ACCEM, Hafdallah Menni, a socióloga e mediadora intercultural de Ecos do Sur, Masha Asieieva e a psicóloga e docente da USC, Mónica Alzate. Terá lugar ás 18.00 horas no Salón de Actos do centro.

A segunda sesión, titulada 'Trata de persoas: escravitude silenciadada', chegará o mércores 1 de marzo e contará coa presenza da psicóloga do programa 'Vagalume' Lorena Nieto, da fundadora da Asociación Las Independientes, e da Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, moderadas pola xornalista Sonia Vizoso. Tamén está programada ás 18.00 horas no Salón de Actos do centro.

Finalmente, a sesión 'Botando novas raíces: a integración comunitaria' congregará o xoves 2 de marzo o psicólogo do CIM Mancomunidade de Celanova Marcos Álvarez, a coordinadora de proxectos de comunicación para o cambio social de AGARESO, Sonia Díaz e o profesor e poeta refuxiado do Iemen, Yousef Ali Hussein Al Dubai, nunha conversa moderada pola xornalista Cláudia Morán que se desenvolverá a partir das 18.00 horas no salón de actos da Facultade.

A asistencia ás xornadas é de balde e o programa e vías de inscrición para seguilas de forma presencial ou en liña están dispoñibles na web do proxecto

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.03.2023.