Glosario bilingüe (galego-español) no ámbito do dereito procesual promovido polo Servizo de Normalización Lingüística da USC

O Servizo de Normalización Lingüística da USC presenta o vindeiro 9 de maio o volume Termos esenciais de dereito procesual: galego-español, un glosario bilingüe en galego e español que recolle máis de 1000 conceptos do ámbito do dereito procesual. O volume, asinado por Cristina Alonso Salgado, Ana Rodríguez Álvarez e Xusto A. Rodríguez Río, pon fin á serie de vocabularios básicos de dereito promovidos polo Servizo de Normalización Lingüística e na que se incluíron traballos de dereito constitucional, penal, internacional, civil, administrativo, mercantil e do traballo.
O acto de presentación terá lugar ás 12.00 horas na Facultade de Dereito e contará coa presenza de Ana Rodríguez Álvarez, do vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, e do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, e da decana da Facultade de Dereito, Ana María Gude Fernández.