Ir o contido principal

Terra Creative Jam

Detalle do cartel
Detalle do cartel

O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela convértese nos días 18 e 19 de outubro de 2025 no epicentro, un ano máis, dunha iniciativa pioneira: o Terra Creative Jam – Conecta o Rural.  Este evento creativo e de innovación ten como propósito fomentar a implicación da comunidade universitaria e mocidade coas zonas rurais, aproveitando ideas innovadoras que poidan contribuír ao seu desenvolvemento sustentable. A inscrición permanece aberta ata as 14.00 horas do 17 de outubro a través do web do certame

Organizado polo Campus Terra a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) en colaboración coa Lug Open Factory e a Xunta de Galicia, Terra Creative Jam ofrece un espazo de encontro para que estudantes e persoas egresadas da USC, emprendedores, profesionais e cidadanía en xeral poidan presentar solucións, resolver desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos, establecer redes e dinamizar proxectos con impacto no rural galego. 

O evento, que terá lugar na Facultade de Administración de Empresas do Campus Terra de Lugo, ten como obxectivos estimular ideas e iniciativas que favorezan a vitalidade dos territorios rurais;  unir a mocidade e ás comunidades rurais, promovendo o intercambio de visións e proxectos; facilitar redes de colaboración entre institucións universitarias, administracións locais e actores do tecido empresarial e social; e dar visibilidade ao potencial do rural como escenario de innovación, emerxencia profesional e compromiso con valores ambientais e sociais.

Durante os dous días do encontro, os participantes (sos ou en equipo) poderán desfrutar dunha primeira xornada de ideación con dinámicas de innovación e xeración de ideas e proxectos sostibles, formación con obradoiros específicos, prototipaxe con maquinas 3D, realidade virtual e IA, taller maker e actividades deportivas e lúdicas con escape room ou escalada. A segunda xornada consistirá nun Hackaton ou ‘jam’ onde por equipos traballarán en idear e prototipar solucións que respondan aos desafíos do rural en ámbitos como mobilidade, tecnoloxía, medioambiente, xestión de recursos, economía local, infraestruturas ou conectividade dixital.

As propostas gañadoras terán a oportunidade de recibir apoio institucional, visibilidade e canles de identificación con posible financiación ou incubación en programas de emprendemento da USC. Ademais, os equipos gañadores, recibirán premios para os seus proxectos. Esta actividade é totalmente gratuíta. Facilitaráselles ás persoas asistentes, desprazamento, aloxamento e mantenza durante os dous días que dura a Terra Creative Jam. Tamén recibirán un diploma acreditativo. Con Terra Creative Jam, a USC reforza o seu compromiso coa rexeneración do rural galego e coa potenciación da innovación social a través da mocidade. As dúbidas poden trasladarse a través do teléfono 982 82 28 54 ou do mail campus.terra [at] usc.es (campus[dot]terra[at]usc[dot]es)

Cartel do evento
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2025.