Ir o contido principal

Acto institucional

Toma de posesión de Mª Jesús Giráldez Fernández como decana da Facultade de Óptica e Optometría

06.07.2022 | 13.30h-15.30h

Santiago de Compostela
Aula Magna

María Jesús Giráldez foi reelixida decana da Facultade de Óptica e Optometría co 90% do voto emitido nos comicios que se desenvolveron o pasado 4 de maio

A profesora María Jesús Giráldez tomará posesión como decana da Facultade de Óptica e Optometría o 6 de xullo. FOTO: Santi Alvite
A profesora María Jesús Giráldez tomará posesión como decana da Facultade de Óptica e Optometría o 6 de xullo. FOTO: Santi Alvite

A profesora Mª Jesús Giráldez Fernández  tomará posesión do seu cargo como decana da Facultade de Óptica e Optometría o mércores, día 6 de xullo, nun acto que se desenvolverá a partir das 13.30 horas na Aula Magna da Facultade e que presidirá o reitor Antonio López. Reelixida  co 90% do voto emitido nos comicios que se desenvolveron o pasado 4 de maio, Giráldez dirixirá este centro da USC xunto ao vicedecano Hugo Pena Verdeal e o secretario Carlos García Resúa.

Como responsable dun centro no que se imparte unha titulación que capacita para o exercicio dunha profesión sanitaria, a de óptico-optometrista, Giráldez propón, como principal eixo de traballo para os vindeiros catros anos, “alcanzar os máximos estándares de calidade na formación dos estudantes, estándares establecidos polo Consello Europeo de Optometría e Óptica, coa vista posta na acreditación do título segundo o Diploma Europeo”.

Traxectoria

A profesora Giráldez tivo cargos de xestión dende o ano 2001 ao exercer de subdirectora da Escola Universitaria de Óptica e  Optometría da USC durante nove anos (de 2001 a 2010) e coordinadora do grao en Óptica e Optometría dende 2010 ata a actualidade. Diplomada en Óptica pola Universidade Complutense de Madrid (1990), diplomada en Óptica e  Optometría pola Universidade de Granada (1995) e doutora pola Universidade Complutense de Madrid (2010), Giráldez é autora da tese titulada ‘Superficie de lentes de contacto hidroxel: caracterización e a súa relación coa adherencia de microorganismos’, na que achega coñecemento neste ámbito coa intención de evitar complicacións asociadas ao uso de lentes de contacto.

Con tres sexenios de investigación recoñecidos, e sendo a primeira óptico-optometrista en España en conseguir o seu primeiro sexenio de investigación dende a súa condición de diplomada (en 2005, antes de obter o título de doutora),  é membro da Escola de  Doutoramento Internacional da USC, dende 2011, dentro do programa en Medicina Molecular.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2022.