Mar Lorenzo Moledo pertence ao Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación e é membro do Grupo de Investigación ESCULCA da USC.

A profesora Mar Lorenzo tomará posesión o xoves 16 de febreiro do seu cargo como decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC tras ser elixida con 43 votos a favor e 18 en branco nas eleccións celebradas o pasado outubro. O acto, que comezará ás 13.00 horas do Salón de Actos do edificio que a Facultade ten no Campus Sur, estará presidido polo reitor Antonio López e no seu transcurso a secretaria xeral, Dulce Mª García Mella, procederá á lectura do nomeamento.
Mar Lorenzo Moledo pertence ao Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación e é membro do Grupo de Investigación ESCULCA da USC. Obtivo o 1º Premio Nacional de Investigación Educativa en 2007 e o 3º en 2003. Ata o ano 2022, foi vicerreitora de Cultura, Servizos e Igualdade da USC.
O equipo de goberno estará conformado polas vicedecanas Belén Castro Fernández, María López Sández e Lorena Casal Otero, polo vicedecano José Eugenio Rodríguez Fernández, e por Jesús García Álvarez como secretario.
Unha estrutura de dirección áxil, próxima e efectiva é outros dos retos da nova decana, xunto con favorecer as canles de participación do alumnado. Docencia e investigación constitúen tamén liñas estratéxicas dun programa no que lingua e cultura galegas teñen un rol crucial. “Á Facultade de Ciencias da Educación correspóndelle un papel de primeira orde na responsabilidade colectiva de preservación da lingua e cultura galegas que é consecuencia do valor multiplicador que o seu alumnado egresado terá na sociedade no seu futuro desempeño profesional. Nesta Facultade fórmanse especialistas e profesionais do campo da educación que, coas súas actuacións lingüísticas e actitudes cara á cultura, marcarán as futuras xeracións”, explica Mar Lorenzo. Calidade e relación coa contornan completan o programa.