O reitor Antonio López presidirá este xoves 12 no Salón de Graos do Colexio San Xerome, a partir das 11.00 horas, a toma de posesión dos profesores María José López Couso e Jacobo Limeres Posse como novos vicerreitores da USC. Este acto enmárcase na reestruturación do equipo de goberno que acaba de emprender a Universidade e coa que certas áreas veranse reforzadas para consolidar o liderado da USC en Galicia e a nivel internacional.
Neste senso, López Couso asume a Vicerreitoría de Titulacións e Captación Internacional, mentres que Limeres Posse é o titular de Calidade. Estas incorporacións teñen como obxectivo impulsar áreas estratéxicas que nos próximos anos enfrontarán desafíos determinantes para a USC como son o deseño e implementación dunha oferta de titulacións que dea resposta ás demandas da sociedade actual e os que corresponden ao ámbito da calidade, cuestión capital para a comunidade universitaria.