O profesor Bande Ramudo resultou elixido decano da Facultade de ADE o 17 de novembro á fronte dunha candidatura da que tamén forman parte Jacobo Feás e Sandra Castro

O profesor do departamento de Fundamento da Análise Económica da USC Roberto Bande Ramudo resultou elixido decano da Facultade de ADE o pasado 17 de novembro, logo dun proceso electoral ao que concorreu á fronte dunha candidatura da que tamén forman parte os profesores Jacobo Feás, en calidade de vicedecano, e Sandra Castro, que asumirá as funcións da secretaría académica do centro. A cerimonia de toma de posesión poderá seguirse de xeito telemático a través da plataforma Microsoft Teams.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC, Máster MSc in Economics polo Birkbeck College, University of London e doutor en Economía pola USC con Premio Extraordinario de Doutoramento, Roberto Bande é na actualidade profesor contratado doutor no Departamento de Fundamentos da Análise Económica na Facultade de ADE do Campus de Lugo da USC.
A liña de investigación de Roberto Bande Ramudo, que xa dirixiu seis teses de doutoramento, xira arredor da macroeconomía dos mercados de traballo e a vinculación existente entre as flutuacións na demanda agregada e o equilibrio no mercado laboral, especialmente a relación entre as decisións de consumo/aforro e o desemprego. Nestas liñas teño publicado diversos traballos en revistas internacionais de elevado impacto, como o Journal of Economic Surveys, Review of Economics of the Household, Regional Studies ou Labour Economics.