O profesor pertence á área de Lóxica e Filosofía da Ciencia. Afianzar e promover a proxección exterior do centro é unha das metas que persegue

O profesor Xavier de Donato Rodríguez toma posesión este martes 7 de febreiro do seu cargo como decano da Facultade de Filosofía tras ser elixido por doce votos a favor e oito en branco nas eleccións celebradas no mes de outubro. O acto estará presidido polo reitor Antonio López e no seu transcurso a secretaria xeral, Dulce Mª García Mella, procederá á lectura do nomeamento. Arrancará ás 13.00 horas no Salón de Actos do centro e contará tamén coa intervención do seu anterior decano, o profesor Marcelino Agís Villaverde.
Xavier de Donato foi investigador predoutoral na Ludwig-Maximilians-Universität de Múnic (Alemaña), onde se doutorou en Filosofía cunha bolsa da Fundación ‘La Caixa’ e bolseiro posdoutoral no Instituto de Investigacións Filosóficas da Universidade Nacional Autónoma de México. Profesor convidado na Universidade Autónoma Metropolitana de México, de 2009 a 2013 foi investigador Isidro Parga Pondal na Universidade de Santiago de Compostela. Tamén foi investigador visitante na Brown University de Providence, Estados Unidos. Conseguiu unha bolsa ERASMUS+ para impartir cursos na Università degli Studi di Torino (Italia). Ten sido relator en múltiples congresos internacionais e investigador principal de proxectos.
Logo de ser elixido decano, Xavier de Donato manifestou a súa vontade de “iniciar un proceso de consulta e discusión para, se se considera oportuno, facer una reforma das titulacións, o que implicaría, caso de lograr un amplo consenso, unha modificación (substancial ou non) da memoria dos nosos títulos”, dixo. Formular a posibilidade dun dobre grao con Filosofía, desenvolver unha política científica de apoio aos grupos de investigación e aos investigadores noveles; e consolidar, promover e mellorar os programas de mobilidade e prácticas externas, completan xunto co impulso das políticas de xénero os obxectivos do novo decano.
Afianzar e promover a proxección exterior e a visibilidade institucional do centro, buscando en todo momento os mellores estándares de rigor académico, transparencia e transferencia do coñecemento é unha das metas que persegue o novo decano xunto coa continuación do plan de renovación de acreditacións das titulacións e consolidar a oferta de posgrao, mellorando a organización e contidos en mestrado.