Ir o contido principal

Obradoiro

'Tomorrow. O mundo de mañá dende a perspectiva de onte e hoxe'

05.05.2023 | 12.00h-13.00h

Santiago de Compostela
Aula C09

Obradoiro da artista austríaca Michaela Konrad

Cartel do obradoiro
Cartel do obradoiro

A Facultade de Filoloxía  da USC promove o venres 5 de maio un obradoiro interactivo coa artista multimedia Michaela Konrad. Terá lugar das 12.00 ás 13.00 horas na Aula C09 do centro e permitirá ás persoas asistentes descubrir de primeira man o libro de arte multimedia Tomorrow, que a creadora publicou no outono de 2022 coa editorial Luftschacht. A través do diálogo coa artista, o obradoiro afondará en pautas para analizar fragmentos deste tipo de traballos dende unha perspectiva lingüística e mediática e ofrecerá ás participantes a posibilidade de experimentar a arte con todos os sentidos, a través dos textos, imaxes sons e vídeos do libro grazas á app Artivive.

Aberto ao público xeral, pero especialmente dirixido ao profesorado e estudantado da USC, a actividade ten acceso de balde previa inscrición.

Conta coa colaboración do Foro Cultural de Austria, a OEAD, e a Facultade de Filoloxía da Universidade de Salamanca.

Michaela Konrad

Nacida na localidade austríaca de Graz, vive e traballa en Viena e en Santa Cruz de Tenerife (ES). Recibiu a súa formación artística no Centro Municipal de Arte Gráfico en Santa Cruz de Tenerife e na Universidade de Artes Aplicadas en Viena.

O traballo de Michaela Konrad esténdese por un amplo espectro de medios: o seus favoritos son  a pintura, a litografía offset e as instalacións multimedia. A idea é a
condición previa e o debuxo a man é base da súa creación artística.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.04.2023.