O creador mindoniense Ton Arenas abre este luns a programación de actividades promovidas ao abeiro do convenio Lugo Cultural no marco dunha burbulla creativa de decembro que inclúe teatro, música, fotografía, videocreación e poesía

O creador mindoniense Ton Arenas abre este luns a programación de actividades promovidas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación e Concello de Lugo, no marco dunha burbulla creativa de decembro que ofrecerá ao público a posibilidade de gozar de espectáculos teatrais, música de cámara, exposicións, libros e relatorios sobre fotografía, proxeccións de videocreacións e mesmo poesía musicada.
O titiriteiro Ton Arenas, nado en Córdoba, pero afincado en Mondoñedo, onde reside xunto cos personaxes aos que dá vida con Micromina Títeres, abre este luns, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber, a axenda cultural do mes de Nadal cun relatorio sobre as fases da metamorfose do titiriteiro. Esta sesión, que constitúe un primeiro petisco cultural antes do Nadal, terá continuidade o xoves 10 de decembro coa apertura da exposición do XXVI Maratón Fotográfico do Campus na Biblioteca Provincial de Lugo, un acto que servirá asemade de escenario para a entrega de premios aos autores das fotografías máis valoradas polo xurado dun certame que lembra o a figura e o legado de Carlos Valcárcel e do compoñente do grupo cinematográfico Fonmiñá Eduardo Ochoa.