Luisa Muñoz mostrará a evolución da ocupación laboral dende unha perspectiva de xénero en Galicia en relación á modernización económica da rexión

A directora da Cátedra Juana de Vega, Luisa Muñoz Abeledo, ofrecerá o xoves 30 de marzo ás 12.30 horas a conferencia 'O traballo das mulleres na Galicia contemporánea. Unha perspectiva sectorial (1870-1930)', un relatorio que se presentará na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, con acceso libre ata completar a capacidade da sala.
No encontro, Luisa Muñoz Abeledo mostrará a evolución da ocupación laboral dende unha perspectiva de xénero en Galicia en relación á modernización económica da rexión e afondará na participación laboral das mulleres e os homes durante o proceso de industrialización (1870-1930). A fonte histórica principal da investigación son os censos nacionais de poboación, pero esta información complétase con outras fontes estatísticas (como a Revista Xeográfica Estatística ou Anuarios de Pesca), padróns de poboación así como fontes literarias e artísticas. Esta triangulación de recursos úsase para visibilizar mellor o traballo feminino e corrixir o subrexistro do mesmo na agricultura, a industria de transformación de peixe e o comercio, chegando a taxas de actividade laboral das mulleres que superan o 50%.
Luisa Muñoz Abeledo
Directora da Cátedra Juana de Vega, é profesora titular no departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do grupo de investigación GESPIC (Grupo de Estudios de Historia Empresarial y Sectorial. Pesca, Industria y Comercio) e do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais). As súas liñas de investigación inclúen o mercado de traballo e os niveis de vida dende unha perspectiva histórica e de xénero. Coordina o proxecto 'A transformación da estructura ocupacional en España, 1860-1970. Novas evidencias para ocupacións non agrarias revisando os Censos de Poboación (ref. PID2021-123863NB-C22, con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, AEI e FEDER). Entre as súas publicacións recentes destacan 'Breadwinners in Spanish cities (1914-1930)', con Cristina Borderías e Xavier Cussó (2022) e publicado en 2022 na Revista de Historia Industrial, nº 84; 'Determinantes de la participación femenina en el mercado de trabajo en la Galicia rural y urbana de 1920', publiicado en Revista de Historia Agraria, 79 (2019).