A Universidade de Santiago de Compostela colabora coa SEMYR na organización da oitava edición do seu congreso bianual

A Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela acollerá, entre os días 7 e 9 de setembro de 2022, a celebración do VIII Congreso Internacional da Sociedade de Estudos Medievais e Renacentistas (a SEMYR). Integrada por investigadores de todo o mundo, a sociedade promove a celebración dun congreso de periodicidade bianual, que destaca por ser un dos foros internacionais de maior prestixio e proxección no ámbito dos estudos medievais e renacentistas.
Co título 'A trama do texto. Fontes literarias e cultura escrita na Idade Media e o Renacemento', o congreso compostelán presenta como fío condutor o estudo do texto literario a través das súas fontes. O programa científico inclúe unha serie de conferencias plenarias que correrán a cargo dos seguintes especialistas: Alfonso D’Agostino (Università degli Studi di Milano), Mercedes Brea (USC), Paolo Cherchi (University of Chicago), Johannes Bartuschat (Universität Zürich), Salvatore Luongo (Università di Napoli “L’Orientale”) e Alastair Minnis (University of Yale). Así mesmo, celebrarase unha mesa redonda en homenaxe á figura do profesor Alberto Blecua.
O encontro congregará a máis de 160 investigadoras e investigadores, que terán ocasión de presentar e debater os resultados dos seus traballos. Ademais de conferencias, paneis e comunicacións, o programa do congreso compleméntase cunha serie de actividades culturais que porán o foco no legado literario, musical, histórico e artístico que atesoura a cidade de Santiago de Compostela.
A comisión local organizadora está conformada por membros do GI-1350 Románicas. Filoloxía e Literatura Medieval, en concreto por Pilar Lorenzo Gradín (presidenta), Déborah González (vicepresidenta) e Carmen de Santiago (secretaria).
A celebración do evento conta co soporte económico da Xunta de Galicia, a través dunha axuda concedida pola Axencia de Turismo de Galicia. Para máis información, pódese consultar a páxina web da actividade.