Ir o contido principal

Lubicán

O trío Nacho-Faia-Lar presenta 'De nâo saber o que me espera' no Círculo das Artes

19/05/2021 - 20.00 horas

Os tres referentes da escena musical galega reinterpretan nun concerto, que comezará ás 20.00 horas, o repertorio musical de Zeca Afonso cunha ollada transgresora e innovadora

Nacho, Faia e Lar, interpretan este mércores composicións de Zeca Afonso no 'Lubicán'
Nacho, Faia e Lar, interpretan este mércores composicións de Zeca Afonso no 'Lubicán'

O repertorio musical do portugués Zeca Afonso volverá sonar este mércores, a partir das 20.00 horas, no Círculo das Artes de Lugo, ao abeiro do espectáculo ‘De nâo saber o que me espera’, a cargo do trío de artistas galegos Nacha-Faia-Lar, que representan este espectáculo musical na capital luguesa no ciclo Lubicán, un dos programas a prol da música e de novos creadores en lingua galega promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.

‘De nâo saber o que me espera’, o concerto que servirá de colofón da quenda de actuacións incluídas no Lubicán, responde a unha proposta de nova creación que se move entre a tradición a vangarda a experimentación sonora.

Os protagonistas e responsables deste innovador espectáculo son tres xa coñecidos referentes da escena musical galega, como é o caso de Nacho Muñoz (piano e electrónica), Faia Díaz (voz) e Lar Legido. Este trío volta a mirada ao pasado para ofrecer unha nova ollada transgresora e contemporánea da música de Zeca Afonso.

O espectáculo musical ‘De nâo saber o que me espera’ é de entrada libre e de balde ata completar o aforo, como toda a programación artellada no marco do convenio Lugo Cultural. As persoas interesadas aínda poden retirar ata mañá ás 13.30 horas o seu convite nas oficinas de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. Tamén se pode solicitar entrada a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es) ou no número de teléfono 982 21 1513.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.05.2021.