Organizada en todo o Estado pola Rede Universitaria por Palestina, poderase asistir desde a Facultade compostelá de Dereito e a EPSE luguesa

A sala de xuntas do decanato da Facultade de Dereito e o salón de actos da EPSE de Lugo acollerán o vindeiro 10 de abril ás 12.00 horas a retransmisión da conferencia que, baixo o título ‘A Universidade ante o xenocidio’, impartirá Francesca Albanese, relatora especial de Nacións Unidas para os Territorios Ocupados de Palestina e autora do recente informe ‘Anatomía dun xenocidio’, un acto en conexión simultánea con cerca de 51 salas en 40 universidades do Estado. Na Universidade de Santiago, a conferencia de Albanese irá seguida dun coloquio con Sara Ashour, estudante galego-palestina de Administración e Dirección de Empresas.
Na conferencia, Francesca Albanese fará unha análise da situación en Gaza e Cisjordania á luz do dereito internacional, o que permitirá discutir "que e como facer para cumprir, como integrantes da comunidade universitaria, coa obriga moral, legal e política que toda sociedade debe asumir ante unha situación coma esta”, afirman dende a Rede Universitaria por Palestina, entidade organizadora.
Segundo afirman dende a Rede, o acto “busca trasladar á comunidade universitaria do Estado a necesidade de esixir cunha soa voz unha resposta digna e axustada ao dereito internacional de parte das nosas institucións fronte ao xenocidio perpetrado pola Ocupación Israelí en Palestina”.