Ir o contido principal

A USC recoñece o alumnado de FP con mellor expediente académico cun acto no auditorio Gustavo Freire de Lugo

15/06/2022 - 17.30 horas

Auditorio Gustavo Freire (Lugo)

O reitor Antonio López presidirá este mércores, a partir das 17.30 horas, unha sesión na que se agarda a participación de máis de 160 tituladas e titulados en Formación Profesional cun expediente académico de sobresaínte

Unha alumna accede a instalacións da USC
Unha alumna accede a instalacións da USC

O reitor da USC, Antonio López, preside este mércores, a partir das 17.30 horas, no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo, o acto de recoñecemento que ofrece a institución académica ao estudantado de Formación Profesional con nota media de sobresaínte que se matriculou nas probas ABAU. Os organizadores desta xornada de recoñecemento agardan a participación de máis de 160 estudantes chegados de toda Galicia.

Este acto, a través do que a USC se presenta como unha alternativa para que o alumnado xa titulado en Formación Profesional poida ampliar a súa formación, servirá asemade para facer visible a conexión existente entre a Formación Profesional e a USC, tal e como o proba o feito de que nos últimos dous anos máis de 400 tituladas e titulados en FP formalizaron a súa matrícula en diversas titulacións universitarias impartidas nos campus de Lugo e de Santiago.

Os vicerreitores de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e de Titulacións e Internacionalización, María José López, e a secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella, acompañarán ao reitor neste encontro con alumnado preuniversitario, un acto no que tamén intervirá a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; un representante do goberno local de Santiago, o director Xeral de Formación Profesional da Xunta de Galicia, José Luis Mira Lema, e o deputado provincial delegado de área de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

O delegado do reitor da USC para Ensino Medio, Celso Rodríguez; o director do centro público integrado de Formación Profesional As Mercedes, Joaquín Expósito López, e a alumnado do centro de formación e experimentación agroforestal de Sergude Anyela Roca Paz, que falará en representación do alumnado galardoado, completan a quenda de intervencións programadas neste acto de recoñecemento ao alumnado de FP.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2022.