Trátase dun volume editado polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC

O mércores 16 de marzo, ás 17 horas, o Salón de Graos da Facultade de Filoloxía acollerá a presentación do libro Valente epistolar (Correspondencia de José Ángel Valente con sus amistades), un volume editado polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC que recolle as intervencións no encontro homónimo organizado pola Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética o pasado outono.
Abrirá o acto a vicedecana da Facultade de Filoloxía, Alejandra Ulla e, seguidamente, intervirán Juan L. Blanco Valdés, director do Servizo de Publicacións da USC; e o director da Cátedra Valente, Claudio Rodríguez Fer, autor da introdución e da edición, quen presentará as catorce colaboracións compiladas sobre as importantes e reveladoras relacións epistolares do poeta en cuestión con diversos intelectuais relacionados coa súa vida, coa súa obra ou coa súa tradución.
Así, breve e sucesivamente, tratarase das relacións epistolares de Valente con Cernuda (por Claudio Rodríguez Fer), Xirau (por Dolors Perarnau), Girardot (por Manuel Fernández Rodríguez), Vicente Risco (por Olga Novo), Dieste (por Carmen Blanco), Antón Risco (por Armando Requeixo), Cela (por Arantxa Fuentes Ríos), Jabès (por María Lopo), Westphalen (por Juan Manuel do Río Surribas) e Gelman (por Cristina Fiaño), ademais de asuntos relativos á tradución ao inglés (por Adina Ioana Vladu), ao alemán (por Rosa Marta Gómez Pato), ao italiano (por Cristina Marchisio) e ao portugués (por Saturnino Valladares).
O acto será gravado e posto á disposición da comunidade académica na canle de YouTube da Cátedra Valente.