
O Instituto da Lingua Galega convoca un Validatón -maratón de validación de fragmentos de voz- na súa sede, na Praza da Universidade, o martes 19 de marzo entre as 16.00 e as 20.00. Solicítase a participación de estudantes de Filoloxía para validar os fragmentos de voz doados en Common Voice co obxecto de que no futuro distintas aplicacións informáticas poidan comprender as persoas que falen en lingua galega.
Common Voice é unha plataforma pública de datos de voz alimentada por persoas voluntarias de todo o mundo que doan a súa voz e tamén contribúen xulgando como válidas ou non as doazóns feitas por outras persoas. O obxectivo deste proxecto colaborativo é crear grandes corpus de datos orais que poidan ser empregados para adestrar modelos de recoñecemento da fala en distintas linguas, entre elas o galego.
As persoas que se acheguen ao Instituto da Lingua Galega o día 19 de marzo, alén de participaren no Validatón, poderán coñecer o centro. Haberá agasallos sorpresa para todas as persoas que validen, ademais dun gran premio de 100€ para o campión ou campioa, que se entregará ao final da xornada. Para participar no Validatón é preciso dispor dun perfil en Common Voice e cubrir previamente o formulario de inscrición, que estará aberto ata as 12.00 horas do luns 18 de marzo. As persoas participantes deben traer un dispositivo electrónico (portátil, tableta ou móbil), os seus propios auriculares.
