O grupo de Investigación Novos Medios e a Cátedra RTVE-USC sobre medios de servizo público en Europa organizan este simposio internacional ao abeiro do proxecto de I+D+i 'Valcomm'

Do 20 ao 22 de setembro, a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidad de Santiago de Compostela acolle o International Symposium & Doctoral Summer School Os valores do público na sociedade dixital, unha actividade organizada polo proxecto de investigación Valcomm (dirixido polos profesores Miguel Túñez e Francisco Campos), a Cátedra RTVE-USC sobre medios de servizo público en Europa e o grupo de investigación Novos Medios.
O obxectivo desta actividade é crear un espazo aberto á aprendizaxe, á reflexión e ao debate que sirva para enriquecer a formación do alumnado de doutoramento da área das Ciencias Sociais, aínda que a programación de conferencias e paneis nas sesión das mañás son abertas ao público xeral.
No programa, dispoñible en liña, destácase a presenza do profesor emerito da Universidade de Grenoble-Alpes Bernard Miège, que impartirá a conferencia inaugural o mércores 20 tras recibir unha homenaxe da Facultade de Ciencias da Comunicación. O acto académico na súa honra arrancará ás 9.30 horas no Auditorio da Facultade e contará coas intervencións de reitor Antonio López, da decana da Facultade de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez Vázquez, do profesor Juan Carlos Miguel de Bustos e do homenaxeado.
Na axenda do seminario, cómpre salientar tamén a clase maxistral arredor de xornalismo e metaverso que se ofrecerá o venres 22, da man de profesionais que amosarán o seu traballo de forma práctica.