Pazo de San Roque

O 10 de febreiro, ás 12.00 horas, o salón de actos do Pazo de San Roque acollerá a presentación da versión 4.0 do Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA) no marco do convenio entre o Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades e a Universidade de Santiago de Compostela.
O CORGA é un corpus documental aberto que abrangue cronoloxicamente dende 1975 ata a actualidade, cuxo obxectivo é fornecer datos para o estudo da lingua galega actual dende múltiples perspectivas: léxica, morfolóxica, sintáctica, fraseolóxica, terminolóxica, comunicativa etc.
A versión 4.0, que consta de 43.162.364 palabras ortográficas (51.451.088 elementos gramaticais), presenta utilidades tan innovadoras como son a recuperación de información pola modalidade inventario, o recoñecemento automático mediante regras lingüísticas dos apreciativos en -iño, os elativos en -ísimo, e unha boa parte das formas con gheada, ou a posibilidade de realizar estudos dende a perspectiva de xénero: ben tendo en conta as formas con grafías innovadoras para a linguaxe inclusiva, ben atendendo á discriminación dos resultados en función do sexo do autor.
En síntese, unha ferramenta potente, flexible, amigable e tamén innovadora, de suma utilidade para extraer datos da lingua galega actual.
O acto de presentación contará coas intervencións do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; do vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González Seoane; do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; da profesora titular de Filoloxía Galega e IP do proxecto CORGA, María Sol López Martínez; da coordinadora do equipo lingüístico, Eva Domínguez Noya; e do responsable do desenvolvemento informático co CORGA, Mario Barcala (NPGO).
O acceso á presentación é libre, sen necesidade de inscrición previa.