O Seminario Permanente de Comunicación e Xénero céntrase desta vez nas posibilidades do xornalismo para transformar o discurso heteropatriarcal dos medios

A sexta edición do CO(M)XÉNERO, Seminario Permanente de Comunicación e Xénero decorrerá nos días 22, 23 e 31 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación, organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) co apoio da Oficina de Igualdade de Xénero da USC e de Xornalistas Galegas. Nesta ocasión, as xornadas céntrase nas posibilidades do xornalismo para transformar, desde prácticas conscientes, o discurso heteropatriarcal dos medios.
Coordinado pola directora do GEA, a catedrática Margarita Ledo Andión, e en colaboración de novo coa Mostra Internacional Cinema Etnográfico (MICE) – Museo do Pobo Galego, o seminario está dirixido a estudantes de comunicación, investigadoras e investigadores en formación, profesionais e, en xeral, a todas as persoas interesadas en abordar os medios e as industrias culturais e creativas dende unha lectura crítica. A participación no CO(M)XÉNERO pode ser recoñecida como actividade formativa para o estudantado do Programa de Doutoramento en Comunicación e Información Contemporánea.
A inscrición é de balde e está aberta até o 21 de marzo a través do formulario dispoñible na web do GEA.
Fendas no círculo de xiz
A sexta edición do seminario presentará experiencias de introdución da perspectiva de xénero na linguaxe xornalística, canda un obradoiro de intervención nos seus contidos. Pór fin a unha dinámica discriminatoria e excluínte pasa pola necesaria construción de audiencias e colectividades formadas no pensamento crítico, capaces de analizar, deconstruír e mesmo comezar a reverter as representacións e estruturas sexistas presentes nos medios.
Coa fin de crebar o círculo de xiz, o seminario busca reflexionar sobre os xeitos de incorporar voces que non adoitan aparecer nos medios e introducir novos puntos de vista na información na que as mulleres son protagonistas.
O programa inclúe conferencias, sesións de proxeccións e debate, así como obradoiros para achegármonos a outra forma de contar.