Santiago de Compostela
Salón Nobre do Colexio de Fonseca
Facultade de Psicoloxía
Trátase do encontro científico de psicólogos e psicólogas sociais máis importante que se celebra cada dous anos en España.
Persoal experto do ámbito da psicoloxía social de todo o mundo darase cita este xoves 3 no Colexio de Fonseca e os días 4 e 5 na Facultade de Psicoloxía no VI Congreso Internacional da Sociedade Científica Española de Psicoloxía Social e XVII Congreso Nacional de Psicoloxía Social, o encontro científico de psicólogos e psicólogas sociais máis importante que se celebra cada dous anos en España.
Estra importante cita científica, que ten como presidente de honra ao catedrático da USC José Manuel Sabucedo e co presidenta do comité local á profesora Mónica Alzate, ten lugar dez anos despois da primeira en Sevilla. Unha década, explican os organizadores, na que “aconteceron numerosos fenómenos de gran relevancia psicosocial”. Entre eles, destacan o auxe de ofertas políticas extremistas e nacionalistas como as que denunciara hai décadas Stefan Zweig, a aparición de movementos como Black Lives Matter ou Me Too, o incremento da polarización intergrupal e a desigualdade económica dentro dos países, a pandemia, a escalada de tensión entre as grandes potencias ou a intelixencia artificial.
“Sen dúbida, cada unha desas circunstancias impacta de modo directo ou indirecto na vida da xente, do mesmo xeito que a resposta cidadá, individual e colectiva, marcará o devir de cada un deses escenarios e as súas consecuencias. Neste congreso teremos a oportunidade de compartir as análises e propostas que sobre moitas destas cuestións se foron elaborando na psicoloxía social española ”, conclúen Sabucedo e Alzate.
Numerosas temáticas
O dobre encontro científico inaugurarase este xoves 3 ás 17.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto que preside o reitor da USC, Antonio López, e que contará ademais coa presenza da decana da Facultade de Psicoloxía, María José Sampedro Vizcaya; a presidenta da Sociedade Científica Española de Psicoloxía Social, Esther López Zafra; a presidenta da Sociedade Científica Española de Psicoloxía Social, Mª Rosa Álvarez Prada; e o profesor Sabucedo Cameselle.
A parte científica do congreso desenvolverase o venres 4 e sábado na Facultade de Psicoloxía con numerosas sesións de comunicacións orais e varios simposios con temáticas tan diversas como a exposición vicaria á violencia de xénero, actitudes sociopolíticas en contextos de malestar económico, a igualdade de xénero, climas motivacionais e deporte, estudo de liderado, accións colectivas de minorías e maioría social, populismo e polarización na política contemporánea ou conduta e medioambiente.