Salón de Actos
A sesión, promovida pola Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLISA) e patrocinada pola AMTEGA, celébrase o martes 23, a partir das 9.15 horas

A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLISA) organiza este martes 23 de abril, a partir das 9.15 horas, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC a VI Xornada de Software Libre Científico, un evento concibido como espazo de encontro e de intercambio de información e de experiencias aberto á participación de todas as persoas interesadas no software libre.
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, inaugurará esta xornada, no marco dun acto de benvida no que tamén intervirán a directora da EPSE, Rosa Romero; a profesora da USC e presidenta de MeLISA, María José Ginzo, e Miguel Ángel Rodríguez Muíños, en calidade de responsable do comité organizador dun evento que busca promocionar e difundir o coñecemento do software libre científico e, nomeadamente, os datos abertos.
O programa da xornada, que se desenvolverá en quenda de mañá e para a que aínda permanece aberta a inscrición en liña, comezará co relatorio ‘Licenzas libres para seres humanos’, a cargo de Rafael Rodríguez Gayoso, de MeLISA. Ao remate da súa intervención, o profesor da área de Proxectos de Enxeñaría da USC Martín Barrasa Rioja ofrecerá a charla ‘Planificando con ProjectLibre’.
Outras palestras sobre ferramentas e formatos abertos na construción, KiCAD e FreeCAD ou manexo de datos espaciais abertos con Qgis, a cargo de Evelio Sánchez, Sergio Alvariño e Carlos Real, respectivamente, completan esta primeira quenda de palestras divulgativas.
O programa da xornada permitirá ao público participantes coñecer as experiencias do investigador da USC Adrián Casanova sobre aplicacións do software libre como motor da xenómica, así como as prestacións do software libre cara a uns datos de investigación en aberto, da man de Alejandra Carreño e César Gómez, da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo da USC. Un relato de María José Ginzo sobre software libre en matemáticas e noutros eidos científicos servirá de colofón da xornada.
