Ir o contido principal

VII Encontro Internacional da Rede Galabra

09.01.2024-12.01.2024

En liña

Biblioteca da Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
Biblioteca da Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite

Co lema 'Universidade, para que?' deste este martes 9 ata o venres 12 de xaneiro desenvólvese na localidade de Palas de Rei (Lugo) o VII Encontro Internacional da Rede Galabra, coordinado polo grupo Galabra da USC e que xunta máis de 40 persoas investigadoras  membros da Rede de diversos ámbitos do coñecemento nas ciencias sociais e humanas de centros de investigación do Brasil, Angola, Portugal e Galicia, fundamentalmente.
 

O encontro ten como obxectivo debater sobre dúbidas, hipóteses de traballo ou investigación, propostas ou resultados de investigación, marcos teóricos, métodos ou enfoques, en diálogo crítico aberto, para mellorar investigacións en curso ou proxectos de investigación, transferencia e extensión á docencia.

Nesta oportunidade, someteranse a debate 33 relatorios, que tratan, entre outros, de estudos do sistema xornalístico ou editorial, produción literaria e relacións culturais internacionais, representacións sociais, turismo, turistificación e relación entre visitantes e comunidades locais, identidades comunitarias, xénero, sistemas educativos, ruralidades, tecnoloxía aplicada á investigación social e cultural, xestión do traballo de campo ou oferta curricular no ámbito da cultura. 

A Rede Galabra está constituída por grupos de investigación en sistemas culturais Galabra, nome que responde ao acrónimo galego, luso, africano, brasileiro: os Galabra-USC; Galabra Universidade Federal de Goiás, Galabra Universidade do Minho e Galabra Instituto Superior de Educação de Luanda, e outros membros adheridos, das universidades da Coruña, Vigo ou UniRitter de Porto Alegre. O primeiro grupo, o da USC, foi fundado no ano 1998, mentres o máis recente, o do ISCED, naceu no pasado ano 2023.

O encontro transmitirase en aberto a través de Microsoft Teams e poderá ser seguido por calquera persoa interesada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.01.2024.