Co lema ‘Un modelo económico arredor dunha vida saudable’

O 26 de setembro volve á USC unha nova edición da Feira de Emprendedoras de Compostela, que nesta sétima ocasión leva por lema ‘Un modelo económico arredor dunha vida saudable’. A cita será desde as 10.00 ata as 18.00 horas na Aula Magna da Facultade de Química.
A feira, organizada por Woman Emprende co apoio do Concello de Santiago, trae da man unha proposta transformadora como é a de repensar a economía desde unha perspectiva que pon o foco na saúde e o benestar das persoas. Así, reflexionarase sobre como construír a un modelo económico sostible que xire arredor dunha vida saudábel, poñendo no centro ás persoas e a súa calidade de vida.
Crearase deste xeito unha rede de coñecemento e inspiración arredor da innovación, do emprendemento, da ciencia, da saúde e da sustentabilidade con mulleres emprendedoras, investigadoras, profesionais da saúde, divulgadoras así como con entidades comprometidas co coidado das persoas, con principios de igualdade, xustiza social e feminismo.
O programa
A feira inaugurarase ás 10.00 horas nun acto no que participan o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luís Villaverde, o decano da Facultade de Química, Jesús Sanmartín Matalobos, e a primeira tenenta de alcaldesa do Concello de Santiago, María Rozas Pérez.
A continuación, terá lugar a presentación do modelo de Hortasan e a proxección dunha peza audiovisual sobre o Biopolo A Sionlla, polo biotecnolóxico de Galicia que sitúa Santiago como enclave de referencia para empresas de biotecnoloxía, innovación e ciencias da vida.
A sesión matinal continuará coa mesa redonda, ás 10:50 horas, ’Entorno Médico e Científico, Empresas Innovadoras e Economía ao servizo da saúde’ na que participarán Susana Torrente Vilasánchez, técnica de xestión de patentes en áreas de farmacia e química-médica da USC e asesoramento en protección de invencións Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC; Carme Pampín, co fundadora e directora executiva de Galchimia; Nieves Rodríguez Brisaboa, presidenta da Asociación Larlilás, e María Seoane Ramil, Senior Board & M&A Advisor, Biotech Entrepreneur of the Year 2024 e membro da Xunta Directiva de Bioga. Haberá a continuación a proxeción dunha peza sobre o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
Para rematar a mañá haberá unha nova mesa de debate sobre saúde mental a cargo de Noelia Villaverde Rozas Latento, dp Servizo Integral Altas Capacidades; Area López Varela, neuropsicóloga en FEAFES; Taida Sánchez Rego, neuropsicóloga en AGADEA e responsable dos servizos de prevención e familias nas Áreas de Santiago de Compostela e A Estrada de AGADEA; Mª Carmen González Hermo, vicesecretaria do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e coordinadora no Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), e a psicóloga infantil Violeta Cruz.
Xa ás 16:50 se desenvolverá a última das mesas redondas, nesta ocasión sobre ‘Alimentación consciente, deporte preventivo, saúde e benestar’. Interveñen a creadora dixital Nuska Chousa; o xefe de innovación e director de proxectos de Lucía Freitas, Toni Fernández; a CEO e co fundadora de Tastelab, Maruxa García Quiroga; a adestradora persoal de Reset, Uxía Parcero; e Noemi Sanmartín Rodríguez Abeiratúa, da Asociación para acompañar e mellorar os procesos de cancro con exercicio físico.
Xa previa á clausura, ás 17.45 horas terá lugar a presentación do libro ‘Mirar de frente’.
